Don Paco del Riego.
Francisco Fernández del Riego naceu en Vilanova de Lourenzá o 7 de xaneiro de 1913. Lugués de nacemento, vivirá a meirande parte da súa vida nun Vigo onde fará unha intensa labor literaria, divulgadora e creadora de espazos favorábeis para a lingua como foron Editorial Galaxia, Fundación Penzol, Revistra Grial, etc. Del Riego participou moi activamente nos ambientes culturais pola creación dun idioma culto, dun galego estándar. A dignificación do idioma foi o seu gran símbolo de identidade.
O 25 de xullo de 1950 funda xunto con García Sabell, Ramón Piñeiro e Fermín Penzol a Editorial Galaxia, un xerme cultural na divulgación da cultura galega e da lingua de Galicia. Nesta editorial, publícanse por primeira vez obras tan importantes como a Historia da literatura galega do propio Del Riego ou a de Carballo Calero, as primeiras gramáticas universitarias, manuais de Historia de Galiza, e un longuísimo largo historial de obras até os nosos días.
Outras das grandes obras foi a Fundación Penzol. Situada en Vigo no II andar da Casa Galega da Cultura na Praza da Princesa en Vigo, é o gran arquivo da cultura galega. Fundada a raíz dunha extensa colección donada polo propio Penzol, un gran bibliófilo da alta clase viguesa, hoxe alberga as primeiras edicións das grandes obras da literatura galega.
Del Riego tamén foi presidente da Real Academia Galega entre o 29/11/1997 - 29/11/2001. Tamén foi membro da Fundación Laxeiro, dos padroados da Carlos Maside e da Rosalía de Castro, da Luís Seoane, do Museo do Pobo Galego e do Auditorio de Galicia. Tamén foi presidente da Fundación Otero Pedrayo e membro da fundación Vicente Risco e da fundación Lois Peña Novo.
Colaborou con xornais como A Nosa Terra, La Noche, Galicia, Galicia Emigrante, Vieiros, Vida Gallega, Heraldo de Galicia, Grial, Nós, El Pueblo Gallego, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Vallibria e Industrias Pesqueras. No Faro dirixiu o suplemento Faro da Cultura.
Morreu o 29 de novembro do 2010 en Vigo. Os seus restos mortais están soterrados no cemiterio de San Pedro da Ramallosa (Nigrán), onde pasaba no barrio de Praia América moitos veráns. No ano 2023, adicóuselle o Día das Letras Galegas, após Florencio Delgado Gurriarán (2022) e a poeta viguesa Xela Arias (2021).
Comentarios
Publicar un comentario
Deixe a súa mensaxe.
Deje su mensaje.