A VOLTAS COA NEGRA SOMBRA. ARTIGO DE PILAR GARCÍA NEGRO NA VOZ DE GALICIA
Comparto un dos artigos da gran amiga deste caderno de viaxes Pilar García Negro. O artigo ten como obxectivo desmitificar os mitos acerca da figura de Rosalía de Castro. A autora deunos permiso para compartir o artigo.
É un tópico asentado na mediática galega asociar a negra sombra rosaliana ao fatum, á fatalidade, á desgraza irremediábel, en definitiva. É recurso socorrido, tanto para falar do chapapote do Prestige como de calquera desastre que nos aconteceu ou acontece. Porén, nada disto ten a ver co texto onde tal expresión figura. A orixe cómpre situala no poema de Rosalía de Castro Cando penso que te fuches, que figura —non por casualidade— no medio e medio do libro II de Follas novas, titulado ¡Do íntimo! (no máis abisal da súa intimidade). Como moi a tergo aclarou Carvalho Calero, este poema é o final dunha triloxía que comeza con ¡Mar!, cas túas auguas sin fondo, continúa con Cava lixeiro, cava e finaliza, apoteosicamente, con Cando penso que te fuches. Rosalía de Castro endexamais titulou o seu poema, como é lóxico, a teor do seu contido. Cal é, logo, o equívoco? O gran compositor de noso Xoán Montes (Lugo, 1840-1899) musicouno dun xeito tan eficaz e emotivo que acabou converténdose na canción galega probabelmente máis interpretada, aclamada e sentida da nosa arte musical. Tan é así que, para alén da súa inclusión en corais galegas, ten sido levada polo mundo adiante, provocando a emoción e o aplauso de públicos ben distantes do galego por lingua ou cultura: antano, Pucho Boedo, cos Tamara; máis recentemente, Luz Casal, perante público chinés; polo medio, millenta adaptacións de grupos, solistas ou coros. Acontece, secomasí, que a canción, coa énfase no sintagma «negra sombra», acaba «desfigurando» o sentido real do texto orixinal. Insistimos: o poema non ten título, porque xustamente se refire ao innomeábel, o que pertence ao máis profundo e recóndito do subconsciente do suxeito: é o seu propio ser, en suma, a memoria e a paixón intimamente soldadas á psique do eu poético. É orixinal este motivo? En absoluto. Hai poemas galegos e romances españois que o tratan. Aurelio Aguirre en El murmullo de las olas desenvolve idéntico tema. O prodixio inigualábel do poema rosaliano reside na súa insuperábel potencia lírica, na ousadía de tratar de ti o «fondo máis fondo» do seu pensamento-sentimento. Por certo, «asombrar», na semántica galega, non é admirar ou causar estupor. É moito máis profundo e perturbador: significa abdución, captación da vontade, absorción total do individuo. Por iso, aparece asociada aos máximos elementos cósmicos (sol, estrela, noite, aurora), ben que ao río ou o vento, porque «en todo estás e ti es todo» e «pra min e en min mesma moras». (Re)leamos, pois, unha e outra vez Cando penso que te fuches como documento de identidade profundo da súa autora, fóra de asociacións tópicas ou vulgares. A «fatalidade» galega ten outras causas. Rosalía de Castro, sensíbel e intelixente, ben as identificou, como tamén nós o podemos facer no presente.
Publicado en La Voz de Galicia o 25/10/2022
Comentarios
Publicar un comentario
Deixe a súa mensaxe.
Deje su mensaje.