O porvir da lingua galega
Lendo o libro coordinado polo profesor Fernando Ramallo A lingua en 2050, formulasenos unha cuestión irrenunciable para todo pobo cunha lingua minoritaria e minorizada: existirá o galego nun futuro predecible? Poderá gozar o galego de boa saúde ? Poderá ser a literatura galega un alicerce de achegamento de novos falantes para a nosa lingua?
Estas tres preguntas son fundamentais para valorar o que estamos a facer pola lingua. Ser futurista neste sentido é algo atrevido, xa que cambiamos de circunstancias como días ten o ano, e poden darse novas realidades, pero axúdanos a ver o que estamos a facer pola causa. Quizais aquí estamos a suspender como sociedade.
O proceso de normalización lingüística en Euskal Herria, supuxo por parte da clase política un exercicio de cambio, levándoos a facer de seu o idioma, chegando incluso a usalo na súa propia vida privada, como modelo de exemplaridade. Isto obtivo como resultado que a lingua conseguiu un severo prestixio social e que toda a cidadanía teña competencias en euskera batúa, normativa da lingua vasca, e a visión de nación por parte da sociedade vasca. Isto se puido facer grazas a intrínseca colaboración das familias vascas.
Todos estes factores son fundamentais. Para que un idioma teña unha boa saúde precísase de compromiso político-social, é dicir, temos que facer un exercicio de concienciación sobre a importancia de manter o idioma como parte da nosa esencia, pero tamén debe ir acompañada de medidas legais, e, para obtelas, o primeiro que ten que facer o Estado español é asumir a multiculturalidade lingüística e garantir que, se use a lingua que se use, todos teñamos os mesmos dereitos e non se discrimine. Non pode repetirse a aberrante sentencia do Tribunal Constitucional que declara inconstitucionais varios parágrafos da Lei de Normalización Lingüística.
Analicemos os deberes pendentes da sociedade galega con respecto ao idioma. As institucións teñen que facer un exercicio de compromiso serio, implantando o galego naqueles estamentos institucionais nos que non se chegou a facelo plenamente. Refírome, por suposto, ao SERGAS, a Xustiza, a Axencia Tributaria, etc. Os concellos deberían de facer un plan xeral de implantación da lingua galega no eido municipal, tendo en conta se as propostas poden ser efectivas e que teñan un impacto positivo neste sentido. O mesmo poderíamos dicir das deputacións, coa engádega de que non deberían facer publicacións inútiles e que rematan moitas veces nos caixóns das mesmas. Se nos referimos ao eido autonómico, as débedas co idioma aumentan tanto como o custe da gasolina nestes meses: aplicación dunha vez da lei “Paz Andrade” en todos os sentidos, máis horas de galego nas escolas, implantación do plan galego de normalización para a mocidade, etc.
E, por último, o piar quizais máis importante: a sociedade. Dixen antes que a sociedade vasca fixo un gran esforzo colectivo. Eu invitaría a todo o mundo a utilizar a lingua galega como vehicular na casa e na familia. É o maior exemplo de autodignificación da nosa identidade. Sen todos vós, queridos lectores e queridas lectoras deste artigo, non será posíble toda medida política. Creade vínculos de confianza en galego, intentade galeguizar a vosa vida diaria, as relacións coas vosas parellas e amigos. Con isto, poderíamos axudar a supervivencia do galego e a consolidación del.
Volvendo agora ás preguntas, cuestionémonos de novo se, tendo en conta o que se fixo, o idioma vai perdurar.
(Publicado na páxina de Facebook da Asociación Cultural Lucenza-Ateneo de Nigrán)
Comentarios
Publicar un comentario
Deixe a súa mensaxe.
Deje su mensaje.