Manifesto do 8-M.
Comparto o manifesto publicado por Galegas 8-M. Adxunto tamén ás convocatorias das folgas deste martes.
NIN ESCRAVAS NIN HEROÍNAS, MULLERES CON DEREITOS XA!
Hoxe, como todos os 8 de marzo, estamos aquí, en pé de loita, para bater no chan con todas as mulleres do mundo e facer tremer a terra!
Porque as mulleres sustentamos a vida como coidadoras, educadoras e traballadoras domésticas non remuneradas mentres o capital nos paga todo este traballo con violencias. Mais nós queremos vidas dignas de ser vividas e libres de todo tipo de violencias! que a vida sexa vivíbel para todEs, sostida por todEs e asumida polo conxunto da sociedade.
Porque non queremos ter que discutir se a fenda salarial real entre homes e mulleres é do 19, do 23, 34 ou 45%. Porque as duplas xornadas non se erradican con declaracións nin con leis ditadas polos señores do capitalismo. Porque as mulleres máis novas están condenadas ao traballo escravista, parcial e precario, á exclusión social e á pobreza; e as maiores ao abandono, a soidade e á miseria, sen recursos e comunidades que as sustenten.
Porque queremos parar de contar asasinadas, lesionadas, violadas, agredidas, discriminadas, presas, exiliadas, emigradas, empobrecidas e excluídas, acosadas, humilladas, calumniadas, represaliadas ou xulgadas no lugar dos seus agresores. Porque as múltiplas faces da violencia machista teñen un só rostro: o terrorismo como sostén do patriarcado, e porque todo este terror só vai parar o día que acabemos con el.
Porque somos diversas e o patriarcado capitalista instrumentaliza esa diversidade para nos segmentar, dividir e desartellar con violencias e discriminacións específicas, mais o movemento feminista ensínanos que a diversidade suma e multiplica as loitas, que todas as perspectivas son importantes, todas as voces necesarias e todas as mulleres valiosas para avanzarmos cara unha sociedade igualitaria, xusta e libre.
Porque as mulleres migrantes somos vítimas dun sistema que converte as persoas en mercadoría que move ou trafica segundo intereses económicos, sacrificando vencellos e afectos, á vez que nos somete a maior explotación e cidadanías de segunda clase.
Porque as mulleres do rural galego soportamos unha dupla ou tripla precariedade, porque non só sustentamos as vidas das nosas comunidades, senón tamén todo un ecosistema e unha fonte de sustento para todas que o poder condena ao máis absoluto deterioro e abandono. Temos que apostar por nos relacionar co medio de forma radicalmente diferente, precisamos a soberanía alimentaria e enerxética para transformarmos o mundo e rebelarnos contra o espolio dos nosos recursos naturais.
Porque o menosprezo, as agresións, a discriminación laboral, a exclusión social e as violencias médicas baten con mais forza nas mulleres lésbicas, bisexuais, trans e intersex. Porque todas as mulleres e feministas temos que rexeitar a patoloxización, a difamación e os intentos de exclusión das mulleres trans e intersex, que xa formamos e sempre formaremos parte dos feminismos. Porque todas queremos ser libres para desfrutar das nosas vidas, corpos, desexos e afectos, e temos dereito a facelo libres de violencias.
Porque loitamos contra a explotación dos nosos corpos e vidas, porque nos negamos a que sexan as nosas vidas as que se sacrifiquen e sometan para que o sistema siga funcionando. Porque sabemos que unha vida digna de ser vivida pasa por mudar as lóxicas patriarcais, capitalistas e coloniais.
Hoxe, como hai catro anos, as galegas mobilizámonos no espazo público para sumar forza ás nosas razóns, porque levamos todas as nosas vidas berrando, protestando e esixindo solucións a un sistema que ignora sistematicamente as nosas demandas:
- Dicimos basta de remendos e tutelas institucionais que falan no noso nome ou nos usan como floreiro das políticas públicas sen solucionaren nada.
- Esiximos unha vez máis que as políticas públicas deben ser deseñadas polos feminismos financiadas e veladas na súa eficacia e cumprimento.
- Berramos que estamos fartas dun sistema educativo que reproduce as lóxicas patriarcais do poder e as súas violencias.
- Demandamos unha educación pública de calidade e non sexista, na que a igualdade e a diversidade sexan eixos centrais de todos os currículos, materias e actividades.
- Esiximos unha vida sen violencias, que todos os recursos económicos, sociais, médicos, xudiciais e políticos se coloquen ao servizo de garantir este dereito básico; para que se elimine calquera contido sexista ou discriminatorio no ámbito da comunicación e da cultura que lexitime ou alente esas violencias.
- Reclamamos e exercemos o noso dereito á autodefensa en todos os ámbitos da vida.
- Esiximos transformar radicalmente a forma en que nos relacionamos co traballo, combater o capitalismo e construír alternativas de vida para todas; para exercermos o noso dereito de vivir, de amar, de criar, de maternidade e de sexualidade, e para que todas e cada unha desas escollas conten con todas as garantías sociais para podermos desenvolvelas.
- Demandamos que os poderes públicos se involucren nunha loita sen cuartel contra a industria da trata.
- Que os gobernos deteñan e revertan a situación de abandono e destrución do medio rural.
- Mobilizarémonos até que se erradique a fenda salarial, a precariedade, o teito de cristal, a división do traballo por xéneros, o chan pegañento e a feminización da pobreza.
Hoxe e sempre: abaixo o patriarcado capitalista e colonial!
Galegas 8M 2022
MOBILIZACIÓNS MOVEMENTO FEMINISTA GALEGO
- A Coruña, 20h Obelisco
- As Pontes, 20h30 Concello
- Allariz, 19h Campo da Barreira.
- Ames, 17h Praza da Maia.
- Barreiros, 20h Praza do Concello
- Betanzos, 20h30 Palco da Música
- Camariñas, 12h Praza do Concello.
- Carballo, 20h Praza do Concello
- Chantada, 20h Praza de Santa Ana.
- Compostela, 19h Praza 8 de marzo.
- Ferrol, 20h Praza de España
- Lalín, 20h saída desde Km0.
- Lugo, 20h Praza Horta do Seminario
- Monforte, 20h30 Praza de España.
- Noia, 21h Praza do Curro.
- O Porriño, 20h Praza do Concello.
- Ordes, 20h Alameda.
- Ourense, 20h Subdelegación do Goberno.
- Pontevedra, 20h Praza do Hospital Provincial.
- Ribeira, 20h Praza do Concello.
- Val Miñor, 11h30 (Confluencia ás 12h30 na Ramallosa)
- Baiona, Peirao.
- Gondomar, Praza de Abastos.
- Nigrán, diante do Concello.
- Vigo, 19h30 Praza dos Cabalos.
- Vila de Cruces, 12h Praza do Concello.
- Vilaboa, 18h Diante do Concello.
- Vilagarcía, 20h30 Praza de Galiza.
Comentarios
Publicar un comentario
Deixe a súa mensaxe.
Deje su mensaje.