A nosa Terra é nosa. Fragmento do Sempre en Galiza, I, II

"Pedimos que a nosa Terra sexa nosa. Porque somos fillos dela. Porque ninguén máis pode gobernala. Porque ninguén máis pode comprir a súa misión hestórica. Porque levamos o seu nome polo mundo adiante. Porque queremos comprir a postrimeira manda dos nosos irmáns: os que deron a vida pola liberdade.

A nosa Terra é nosa. Xa se ten dito moitas veces. Mais agora decímolo nós, os desterrados. Os deterrados que vivimos en liberdade. Decímolo en nome de moitos miles de galegos que andan polo mundo. Decímolo, tamén, en nome de moitos miles de desterrados da propia Terra, dos que agardan por nós, dos que viven como fillos da morte, contando o tempo por noites.

A nosa Terra é nosa. Nada máis que nosa. Porque somos os únicos capaces de darlle luz á súa noite, pan ás súas demandas, diñidades á súa vida. Porque somos os únicos capaces de enxugar as súas bágoas de door.

A nosa Terra é nosa. ¿De quen máis podía ser? ¿Dos que a aldraxan? ¿Dos que lle negan a fala e o pensamento? ¿Dos que a encadean? ¿Dos que a rouban? ¿Dos que asesinan aos seus fillos máis queridos? ¿Dos que asumiron a súa iñorancia? ¿Dos que a queren vender como escrava? ¿Dos que lle negan o dereito a ser libre?

¿E quen somos nós para falar deste xeito? Somos os galeguistas de tódolos partidos políticos democráticos. Somos os galegos antifeixistas.(1)"


(1) antifeixistas: antifascistas.




Comentarios

Publicacións populares deste blog

O machismo en Pondal. Poemas

O autismo na sociedade actual

O porvir da lingua galega